Impactante e curta novela de Samanta Schweblin que publica Random House: Distancia de rescate non deixa indiferente, aínda que agora mesmo non sabería dicir ata que punto me gustou, porque deixa sobre todo un pouso amargo e un interrogante eterno. Nin sequera sei dicirvos se estamos ante un relato longo de terror psicolóxico ou se hai uns monstros infantís que non poderedes tirar da cabeza. A autora é quen de mesturar en pouco máis de cen páxinas este aspecto terrorífico e monstroso con traxedia ecolóxica (trasfondo dos cultivos transxénicos e contaminación por pesticidas ou herbicidas) e crueldade infantil, así como o medo maternal a perder o contacto visual co fillo ou a filla e que a estes poida ocorrerlles algo (de aí o título: canta distancia é necesaria para salvar un fillo?). O novidoso tamén vén da forma: un diálogo entre un neno-adulto e unha muller-abraiada (un diálogo que non sei se produce no limbo pero que procura o desastre quizais para entendelo). Así que mesturando todo isto estamos ante un relato ben incómodo que se le dun tirón, por moito que te queira erguer do sofá para ir comer un bocado. Tes que acabalo. Pero... hai un final? Porque non me queda nada claro. Por iso póñome a falar do libro sen saber que opino eu del.
A pesar de que falamos dalgún tipo de terror non hai sustos, non hai golpes de efecto; hai nese diálogo constante un cambio de puntos de vista que nos van informando do que ocorre... ou non. Porque eu, na miña ignorancia, sigo sen saber que significan os "vermes" que dan continuidade ao relato. Así que imaxinade! Creo que hai pezas que ou ben non encaixan ou ben eu non as sei encaixar. Pero non lle vou dar unha segunda lectura. Quizais algún de vós me axude algún día. Quizais estamos ante unha especie de veleno que paraliza e por iso eu quedei así, agardando a que alguén me salve.
"Son como gusanos.
¿Qué tipo de gusanos?
Como gusanos, en todas partes.
El chico es el que habla, me dice las palabras al oído. Yo soy la que pregunta. ¿Gusanos en el cuerpo?
Sí, en el cuerpo.
¿Gusanos de tierra?
No, otro tipo de gusanos."
Sen comentarios
Publicar un comentario