Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/05/17

O segredo da casa de Formoso

Héctor Cajaraville publica na nova colección de Santillana "O que leo" esta novela dirixida a un público xuvenil titulada O segredo da casa de Formoso. Unha lectura áxil, moi sinxela, que agocha un pequeniño misterio, que non é para nada o centro do argumento, senón que este xira arredor dos sentimentos dun rapaz que comeza a ser adulto e comeza a descubrir que non todo é o que semella; e será nesta iniciación a unha nova etapa da vida a que lle sirva para coñecer unha Galicia descoñecida que procura as súas raíces. Pasearemos polas súas páxinas por lugares coñecidos que o protagonista descobre con abraio, sen fuxir de pequenas críticas de canto temos arredor. Asemade, sobrevoa a Guerra Civil e as inxustizas que a rodearon, para darlle á novela un pequeno arrecendo de crítica social que non sobra, aínda que non afonde moito e que teña algunha resolución que non me acaba de convencer por bastante incrible, dada a descrición do ser humano que tiñamos en mente.
Un libro que, xa digo, é unha proposta axeitada para o lectorado máis novo do instituto.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.