Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/06/17

Meter o título

O outro día faleivos dunha actividade que estabamos a realizar: facer fotos dos lombos dos libros para facer poemas, os "Poemas titulados".
Pois ben, hoxe quero amosarvos algúns traballos que realizamos grazas a unha idea que me deu a Banda dos Cueiros de Gondomar cando os escoitei na illa de San Simón o día da entrega dos Premios Xerais: eles cantaron unha canción con títulos de libros de Agustín Fernández Paz. Así que a partir de aí, propuxen facer poemas con títulos de libros. E hai cousas ben acaídas que podedes ver no blogue da biblioteca. Aquí deito uns poucos exemplos:


Naquela LONGA NOITE DE PEDRA,
Á LUS DO CANDIL,
percorrín un CAMIÑO PERIGOSO
coa sombra dun ANXO NEGRO,
para chegar a ONS.
TODO É SILENCIO,
só se escoitaban AS VOCES BAIXAS
no CEO DOS AFOGADOS.
Pero no FARO ESCURO
brillaba unha CHAVE DE OURO,
e alí, estaban OS DOUS DE SEMPRE,
REO e MATILDA,
mortos no CAMPOSANTO.
E eu guiada por UNHA ESTRELA NO VENTO,
busquei REFUXIO.
O meu nome é GÁRGOLA,
e veño a OBABAKOAK
para FUXIR
dAQUEL LUGAR.


Ou estoutro:


Game over,
todas as horas roubadas na expedición do Pacífico.
Un videoxogo case perfecto,
onde percorrín un camiño perigoso
seguindo unha estrela no vento.

O faro escuro,
tamén chamado a casa da luz,
alzábase nun cume de neve interminable.
Ó descenso do derradeiro ocaso,
só queda á lus do candil
para atravesar a sombra cazadora
onde todo é silencio.

Aparecen sete caveiras
xunto con sete palabras e, detrás,
o anxo negro posuidor dunha chave de ouro,

                       A chave da Atlántida.

 Ou só con títulos de Álvaro Cunqueiro:

Na Cociña galega
utilizamos Herba aquí e acolá,
é coma unha Escola de menciñeiros,
para Xente de aquí e de acolá,
para Merlín e familia
ou para Os outros feirantes.

Na Cociña galega
sempre houbo Tesouros novos e vellos,
sempre foi coma a noite,
xa que A noite vai coma un río,
ou coma un Mar ao Norde.

Pero esta cociña,
nunca valeu para a Dona do corpo delgado,
ou para O incerto señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca.

O que é algo que debemos apreciar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.