Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/06/17

Regreso a Berlín

Verna B. Carleton é a autora de Regreso a Berlín, publicada polas editoriais Periférica e Errata Naturae. Unha novela complexa sobre os sentimentos cruzados que sente un alemán cando regresa a seu país despois da devastación da Segunda Guerra Mundial; un home que sofre e odia todo canto vén de ocorrer, pero que tamén se odia a si mesmo pola fuxida, por agocharse tras unha nacionalidade que non lle pertence, tras un parapeto que se está a desmoronar.
A volta non é doada, e os infernos vividos aflorecen pola boca dos personaxes cos que se cruza nun Berlín que se está a reconstruír tras as bombas, un Berlín dividido poboado por habitantes que tentar mirar cara a diante. Para tentar entender canto hai arredor e canto sofre o personaxe protagonista, a novela conta cunha narradora testemuña, unha moza que viaxa canda o protagonista e a súa esposa para contar de xeito obxectivo o que acontece e o que se sente. E aquí reside a sorpresa da novela: iremos descubrindo a visión dos outros personaxes coa que non contaba o protagonista, e iremos contrapoñendo a visión que tiñamos -a do protagonita- coa nova realidade que se vai abrindo ante os nosos ollos a medida que avanzamos na lectura. Asistiremos a unha loita interna constante nunha sociedade que ten moi recente unha dura guerra e que sabe quen delatou a quen, quen  odiou e quen axudou, quen tivo que fuxir e quen permanceu. As guerras son tremendas porque a crueldade do ser humano é enorme. E este libro ten a capacidade de achegarse á complexidade dos personaxes qeu poboan esta dura realidade.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.