Cando remata o curso síntome tan cansa que non teño nin folgos para ler, e temo que esa "crise lectora" perdure. Pero lin 22 segundos dun grolo, así que teño a esperanza de dala por rematada.
22 segundos de Eva Mejuto, publicado recentemente por Xerais, cóntanos unha historia necesaria para achegarnos ao mundo transexual dun xeito sinxelo. Interésame a lectura por varias razóns, e o libro, xa digo, lese nun salaio, ten un valor seguro na súa intensa brevidade, e no tema, tratado tan "normalmente". Por que escollo esta palabra? Porque aínda hoxe vemos, lemos, percibimos, en xeral, este tema como algo "raro", "alleo" e debemos achegarnos a el, coñecer unha realidade que é, ben seguro, impactante polo sufrimento que acarrea aos seus protagonistas, nenos e nenas que non se senten recoñecidos nun corpo que a sociedade denominou "es neno, es nena". Cantas veces escoitamos ou pensamos que a transexualidade está ligada á prostitución? Nos últimos tempos está a mudar este descoñecemento, pero o libro é necesario e acaído para unha franxa de idade que tamén se está a formar como persoas. Moi, moi necesario. Coido que non existía aínda un libro así na nosa LIX, e este non enche, pero si comeza, ese oco necesario porque necesario é falar deste tema dende o respecto e a empatía. Como se afirma na novela, hai que falar das cousas, hai que nomealas, a visibilización é necesaria, rachar o silencio é importante porque falando é posible entenderse. Todo aquilo que non se pode falar, que non se chega nin a discutir, permanece nun escuro salón do que non se emerxe.
Hai pouco o noso alumnado asistiu aquí en Lalín a unhas xornadas con mozos e mozas trans. Viñeron absolutamente todos e todas emocionad@s e impactad@s por escoitar as súas experiencias en primeira persoa. Así que este libro completaría esa formación xa iniciada. Estou certa de que lles vai interesar. Moito.
Parabén, Eva, por esta nova vida literaria.
Parabén, Eva, por esta nova vida literaria.
Sen comentarios
Publicar un comentario