Rescata Pedro Feijoo as personaxes protagonistas de Os fillos de mar, Simón e Mariña, para unha nova intriga onde Vigo, a súa orixe, así como a orixe da historia moderna galega, é protagonista nunha novela de acción que engancha o lectorado dende a primeira liña, porque Os fillos do lume, publicada por Xerais, recupera esa acción trepidante que Pedro Feijoo xa nos ofrecera anteriormente para agasallarnos unhas cantas horas pegadas ás súas páxinas.
Hai moitas historias dentro desta historia, moitas temáticas nas súas liñas, un algo de novela histórica, outro belisco de novela de aventuras, unha miaxiña de novela romántica, un pouco de novela negra, e un tanto de crítica social. Todas elas conforman dúas tramas principais que iremos debullando pouco a pouco, saboreando o verán que comeza con pouco calor para derreternos coa novela, esa da que non saberemos en tantas ocasións se está inventada ou se ten algo de realidade, esa que nos bisbea que vaiamos buscar nas enciclopedias canto de invención nos artella no medio da realidade ou ao revés, mentres paseamos por un Vigo actualizado, por un Vigo con personalidade propia, dende a súa fundación ata a súa modernidade. Tanto, que teremos que repasear Vigo, axiña, para termos cultura e formación das súas rúas e das súas casas. Feijoo reivindica a súa cidade novamente, sabendo que a vai pasear co lectorado, ávido de pisar as rúas da man de Simón e de Mariña. Volveremos a 1809 e regresaremos ao presente, pescudaremos e confirmaremos a afouteza de noso que soubo defenderse da invasión napoleónica.
De fondo, sempre o humor, a retranca propia deste autor. Aínda que coido que ás veces abusa e perde poder con algunhas expresións e insultos que chega a utilizar en exceso. Por exemplo, non resulta moi verosímil a conversa que mantén o vello Tristán cun dos "malos" porque non parece axeitada esa forma de falar no vello. Hai momentos nos que coido Pedro debería coidar máis a linguaxe. Pero, claro, é a miña opinión.
Sen comentarios
Publicar un comentario