A lectura de El cuento de la criada de Margaret Atwood, publicado por Salamandra, deixa un pouso amargo e unha reflexión que precisa repouso para ir inxerindo o lido. Non é doado.
O argumento é coñecido: situámonos nunha distopía aterradora onde a sociedade é extremadamente patriarcal e arcaica. A narradora e protagonista cóntanos a súa historia, a actual e a pasada, mendiante flashbacks. Na actualidade, comprobamos como a estrutura do estado aséntase en que as mulleres pouco poden facer, xa que son os homes os que mandan, os "Comandantes", que vixian con "Ollos" e "Anxos" ás "Esposas", que teñen ao seu servizo as "Marthas" para que fagan o traballo da casa e as "Criadas", mozas vestidas de vermello cunha única misión: enxendrar fillos e fillas dos Comandantes; só son corpos, ventres. Deste tipo de clase é a nosa protagonista. Tremendo.
A súa actitude é sobre todo de resignación polo que está a vivir, mentres a morriña apóderase dela continuamente lembrando todo aquilo que viviu nun tempo que semella remoto. Con ela, comprendemos a importancia do que lle foi arrancado a ela e a todas as mulleres: traballo, independencia económica, sexo, liberdade. Liberdade, palabra esencial, xa que agora nin teñen dereito a pensar. A ideas son perigosas. De aí unha educación que responde á destrución da conciencia individual, do pensamento crítico. As mulleres son propiedade dos homes, e punto.
Si, a historia é espeluznante. Escura. Pero ao mesmo tempo ese totalitarismo extremo que nos describe o libro sitúanos en lugares que existen, e iso é o peor, o que nos desmorona. A crítica é tan actual que a inquedanza que nos transmite agrándase por momentos. A sexualidade feminina dá medo, e este libro serve, quizais de testemuña directa dunha actualidade que, desgraciadamente, existe.
Si, non é unha lectura doada. Todo ao contrario. Non só polo que fala, senón tamén por como o transmite. O debate sobre "os ventres de aluguer" está arestora aberto... e este libro serve, asemade, como reflexión sobre este tema.
Para min, sobran as páxinas finais, que me sorprenderon negativamente: sobran, non engaden nada e paréceme un recurso demasiado utilizado que non era necesario neste caso.
Sen comentarios
Publicar un comentario