Imposible non emocionarse coa lectura deste cómic publicado por Astiberri, a edición integral de Una posibilidad de Cristina
Durán e Miguel Á. Guiner Bou, libro que compila dúas obras, Una posibilidad
entre mil (2009, Editorial Sins entido) e La máquina de Efren (2012,
Editorial Sins entido), ambas teñen en común que contan en primeira persoa as historia das súas dúas fillas. A primeira delas, Laia, nace con parálise cerebral infantil, e será tremendo acompañalos nos primeiros anos de vida; está tan ben reflectido, que será imposible non empatizar con cada pequena alegría ou con cada gran desgusto. E logo, a nosa propia reflexión, unha enfermidade que sempre os acompañará; hai un momento que me gustou especialmente, cando contan o difícil que resulta estar canda outros pais e outras nais que falan dos marabillosos avances que realizan os seus fillos a idades temperás: "¿Os habeis dados cuenta de la cantidad de niños superdotados que, según sus padres, nos rodean?" (páxina 126). Tal cal.
A segunda parte fala da adopción e de todo o proceso que hai que sufrir para chegar a ela. O país escollido é Etiopía, e destaca o cambio de cor nas viñetas para contar canto alí acontece. O proceso de adopción trae consigo uns trámites custosos e longos. Por riba, as dificultades que se presentan á volta a España, mesmo é difícil obter a tarxeta sanitaria.
Aínda que as dúas partes son moi diferentes e resulta moito máis intensa a primeira, ambas conseguen manterte pegado ao papel, saben transmitir uns temas tan persoais dun xeito preciso e emocionante sen cargar as tintas no negativo, senón que é un diario vívido dun pai e dunha nai que loitan pola vida, a deles e a da súa familia.
Sen comentarios
Publicar un comentario