Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/09/17

A señorita Bubble

Cando rematei de ler este novo e delicioso libro de Ledicia Costas publicado por Xerais, cavilei na enorme sorte que teñen os nosos nenos e nenas por contar cunha literatura infantoxuvenil galega deste nivelón. Realmente, canta fortuna temos! A señorita Bubble, con espectaculares ilustracións de Andrés Meixide, é un libro inspirado tanto en Jules Verne como en Roald Dahl, adobiado con Tim Burton, un relato que mestura humor e aventura e onde humanos e marabillosas máquinas pasean da man nunha especie de lóxica aplastante: as malas serán reducidas porque a xustiza poética é necesario que exista na supervivencia dos sorrisos infantís. Polo camiño, actitudes intransixentes e a ignorancia como campo de batalla. Que pode haber detrás da ambición senón?
Así que no libro temos unha dicotomía, ou quizais o número 2 como constante: a realidade gris dunha familia media fronte á imaxinación e a liberdade; dúas irmás que se enfrontan a dúas mestras mafiosas; dúas caras diferentes nun pobo de ignorancia e tradición; os males do mundo trocados por inventos extraordinarios...
Pero sobre todas estas realidades temos unha protagonista absoluta que dá título ao libro, unha muller que se percata de que a pesar de estar rodeada de odio e incomprensión, sempre tenta facer o ben. Unha muller independente á que adoramos dende o primeiro momento, porque é ela mesma, fai o que lle peta sempre dentro da educación e do respecto e porque representa unha loita social: permitan sermos diferentes! Supoño que a autora quere destacar a súa intelixencia e sensiblidade fornte a esa ignorancia conxunta dunha vila que non pensa, acaso sexan autómatas da incomprensión. O rexeitamendo do diferente, a marxinación do diferente. E a ilusión de que algún día sairemos airosos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.