Con este longo título ofrécenos Rosa Aneiros un libro para o lectorado novo, un libro sobre desfiuzamentos e foutezas, sobre amores e soidades. Porque de todo hai e con todo conforma Rosa -xunto coas ilustracións de Almudena Aparicio- nesta coidada edición de Xerais, un relato áxil e actual que se sustenta no maxín dunha nena que ama a lectura e atopa nesta a salvación familiar. Porque será grazas ao optimismo infantil como se resolverá unha tráxica situación que, a pesar dun final feliz, servirá para tentar entender unha realidade social da que agora mesmo apenas se fala pero que segue a existir, desgraciadamente. Asemade, o breve texto aborda un outro tema necesario, como é a soidade das persoas maiores e a súa negativa a deixar o seu propio mundo por outro que lles resulta alleo, aínda a costa do medo e a anguria, o temor de non poder enfrontar cada día sen necesidade de ninguén máis.
Chama a atención o tema escollido, o das lendas incas e os personaxes que as poboan, para esta nena que necesita crer nos relatos e nos libros para saír adiante e para amosar unha tenacidade sorprendente e necesaria.
Sen comentarios
Publicar un comentario