Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/10/17

Detrás da máscara

Interesoume este libro tan pronto chegou ao instituto ao ver quen era a súa autora: Louisa May Alcott, así que me puxen a lelo sen ter ningunha referencia: falo de Detrás da máscara publicado por Hugin e Munin. A súa lectura provocoume unha anguria certa debido ao tema, non polo libro en si, senón porque sempre me acontece con estes personaxes que procuran algo tan diferente ao que aparentan, unha muller maquiavélica e intelixente que saberá chegar ao seu fin último. A protagonista é unha moza fría e calculadora que ten unhas intencións claras dende o principio, porque o único que busca na súa vida é a riqueza e, por tanto, a estabilidade económica. E con esta meta enganará a todas as persoas que ten ao seu arredor, porque é unha gran actriz que sabe agochar as súas decisións e que non permite que se intúa o seu propio eu. E a narración déixao claro, pero aínda así, atrapa por sabermos como se vai desenvolver, como vai evoluíndo a acción e como van respondendo os personaxes.
A autora rompe coa idea dunha muller sufrida que debe resistir todo canto lle acontece e desde logo afástase completamente do ton da súa novela máis coñecida. Aquí amósase unha muller con poder, con astucia, mesmo cunha falta de escrúpulos e moral total e absoluta. Pero tamén deixa claro que o que quere a autora é que esta muller non pode deixarse vencer, que vai saír da súa situación como sexa. E farao, vaia se o fará! De feito, o subtítulo é "O poder dunha muller". Tamén temos que ter en conta cando foi escrito.
Aquí vola deixo. Eu sufrín pola lectura pero é realmente atraente. Así que vola recomendo.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.