Presenta Baía Edicións este monllo de relatos que Paco Rivas denomina Mar...usía. Relatos salpresados, unha homenaxe en forma de 15 relatos ás xentes do mar (máis concretamente da Mariña luguesa), ao traballo realizado, pero tamén ás súas vidas e aos seus afáns. Porque son vidas que merecen ser contadas e respectadas, como tamén o merece a súa lingua, que o autor quere recoller con toda a súa viveza, tanto, que para a xente do interior será mesmo un descubrimento achegarse a ela e atopar un novo léxico enriquecedor, como o é asemade un mundo de microtopónimos tan afastado do noso. A carón, o misterio, como misteriosa é a vida no mar, homes e mulleres nunha loita que pode ser titánica ou conciliadora, unha ollada afastada, un salaio cheo de palabras non ditas.
Un mundo. Un mundo enteiro.
Sen comentarios
Publicar un comentario