Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/10/17

Nemo. O xigante de pedra

Volvín gustar desta segunda entrega de Nemo que nos trae a editorial Xerais na nosa lingua. Desta volta o libro de Davide Morosinotto chámase Nemo. O xigante de pedra e a acción trasládase a Praga, como consecuencia dos acontecementos da primeira entrega; en Praga vivirán no barrio xudeu e contarán a inxustiza á que é sometida este pobo. Pouco a pouco imos sabendo algo máis do noso misterioso protagonista e da súa vida anterior, así como das súas habilidades e intelixencia, pero ambas necesitadas dos seus fieis compañeiros de viaxe, que asemade gozan do coprotagonismo na obra, ocupando mesmo máis páxinas, xa que os seus pensamentos son clave na evolución da historia. Tanto Daniel como Ashlynn son necesarios nas aventuras infantigables destes libros.
Unha lectura moi áxil e amena para o lectorado novo dos nosos centros de secundaria, moi acaída para aquel alumnado que goce do xénero de aventuras e que se deixa atrapar pola lectura, pois esta saga é precisamente idónea para enganchar ata o remate da mesma.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.