Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/11/17

A horta de Simón

Un ano máis chega o Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados da man da editorial Kalandraka, que desta volta vai na X edición. E recae neste álbum de Rocío Alejandro titulado A horta de Simón. Unha horta que nos lembra o ben que presta o traballo colaborativo e a harmonía, o respecto a todo canto nos rodea, en forma de natureza, animal ou persoa. Porque todos somos necesarios e debemos escoitar os consellos e opinións, porque aprendendo facémonos grandes e mellores. Unha vez máis, un álbum infantil onde a estrutura acumulativa é cómplice do texto e dos personaxes que se van sumando á historia. Asemade, podemos reinterpretar o texto en clave ecolóxica, que ben cómpre vivindo este cambio climático que os nosos políticos semellan esquecer para falar doutras historias que eles coidan máis importantes. Só educando no respecto á natureza poderemos evitar unha catástrofe próxima.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.