Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/11/17

Á sombra dos bonsais

Gustoume esta proposta de Antón Riveiro Coello, a pesar de que en principio sempre elixo novelas, pola orixinalidade que consegue nun libro onde os relatos están ordeados polo seu tamaño (é que o tamaño si ás veces importa!) e que publica a editorial Galaxia co título Á sombra dos bonsais. Xa o título nos indica algo, os bonsais como árbores pequerrechas, como tamén serán os relatos, máis cando avanzamos nas páxinas, xa que o primeiro relato ocupa páxina e media e o último do libro ten tres palabras (Morreu nun ai). Algúns dos relatos xa os coñeciamos as persoas que seguimos a Antón Riveiro no Facebook, xa que naceron como micropostais, pero outros son inéditos, nacendo asemade coa vontade de concisión que caracteriza o libro. Amosa o noso autor, tan prezado, unha extraordinaria capacidade de utilizar recursos como a retranca ou a metáfora en poucas palabras, deitando unha intensidade especial nos relatos máis curtos. Algúns coido que son moi, moi fermosos.

Vouvos deixar un aquí que me encantou, titulado "A descosida":

El pasou a vida dándolle ordes, non deixaba que metese baza, anulábaa coa súa tiranía. Ela, paciente, cosía os seus silencios e tivo que agardar moito tempo para que chegase o seu momento. Agora, feliz, ela vai todos os domingos ao cemiterio e descose todo o que calou durante case cincuenta anos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.