Un máis que fermoso álbum este titulado Allumette de Tomi Ungerer que vén de publicar Kalandraka, un libro que se publicou por vez primeira no ano 1974 e que é unha volta moi volteada do arquicoñecido conto de Hans Christian Andersen "A vendedora
de mistos". En realidade, ambas teñen pouco en común agás a primeira parte, aquela onde se nos describe a penosa vida da protagonista, esa que pretende malvivir vendendo uns mistos que ninguén quere nin precisa; viste farrapos e está soa no mundo. Ungerer cambia logo a miseria e a morte orixinal para agasallarnos con felicidade a base de cooperación e colaboración. Un sorriso de esperanza ilumina as nosas faces mentres lemos un conto de paz, un milagre que ninguén sabe explicar (ou a explicación vén dada pola fe de cadaquén). A esperanza aquí cobra nome e esquecemos a dura e cruel realidade que vivimos nunha sociedade pouco solidaria que levanta muros difíciles de derrubar.
Un libro necesario, un álbum que hai que ter. E lembrar.
Sen comentarios
Publicar un comentario