Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/11/17

Deixe a súa mensaxe despois do sinal

Longo título este que nos propón Arantza Portabales Santomé, publicado por Galaxia: Deixe a súa mensaxe despois do sinal, orixinal proposta para unha novela con catro protagonistas mulleres que van deitando a súa vida en cadanseu contestador automático (algo impensable para min porque non o soporto). Capítulos curtos que se corresponden coas mensaxes deixadas, un para cada unha delas, que falan dunha liberdade frote a un contestador baleiro que simboliza unha era da comunicación incomunicada, porque o ser humano necesita falar, confesar os sentimentos, encararse ao padecemento escoitándose a si mesmo. Catro mulleres diferentes, diferentes xeracións, diferentes niveis culturais, diferentes situacións que tecen unha rede de relacións que nun principio semellaba impracticable. De feito, pensei que se podería ler a novela salteando os capítulos, procurando a vida de cada unha delas: Marina (cunha relación amorosa complicada), Carmela, Sara (na procura de si mesma) e Viviana, e non lendo as das demais, pero como van interrelacionándose, non é posible. Catro mulleres que van fortalecendo o seu carácter a medida que avanzan as páxinas e que precisan encararse co mundo que coñecen, trazando o seu propio camiño.
 Das catro quedo sen dúbida co personaxe de Carmela, que coido é o máis redondo e a min foi quen me fixo vibrar coa emoción. Das outras tres, non me gusta a visión que se nos dá de Viviana, xa que hai detalles da súa traxeida persoal que merecerían máis espazo e tampouco me gusta a solución de vida que ofrece. Logo, o final é demasiado perfecto para case todas elas (no caso de Carmela era imposible outro) e iso tamén desfavorece o conxunto da novela, tan orixinal nun principio e tan doado de ler. Final tipo "Disney" demasiado feliz e pouco crible.



1 comentario:

Anónimo dixo...

Crítica benévola.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.