Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/11/17

O un era Xoán

O un era Xoán. Un libro para contar é un deses libros de Maurice Sendak que a editorial Kalandraka está a rescatar para nós na nosa lingua. Historia rimada dun neno que nos ensinará a contar cara adiante e cara atrás, poeticamente, con versos que se apoian nunhas ilustracións que se afastan de calquera posible ñoñería que se puidese advertir noutros libros para pequerrechos. Contemos, pois, cun neno que quere ler tranquilo e que é interrompido por animais que estragan o seu pracer lector en soidade. Para recuperalo, deberá despedir todos os personaxes que foron aparecendo en orde inversa, sen perder o ritmo e a sonoridade. A última páxina é un canto á lectura, un sorriso compartido, unha aportación ao fomento da lectura que non pode pasar desapercibida e que é unha copia exacta da primeira páxina, da placidez e da concentración lectora.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.