Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/11/17

Os arquivos secretos de Escarlatina

Cando estaba a follear este Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas coas ilustracións de Víctor Rivas que vén de publicar Xerais, tan pronto o recibín, comecei a pensar na gran sorte que ten a nosa rapazallada con estes libros que se lles ofertan, pero como o meu maxín é imparable, fun máis alá e pensei en todos os produtos que a casa "Disney" botaría ao mercado de telo nas súas mans: así, pensei nas sobriñas pedíndome que lles comprase canto accesorio inimaxinable existise no mercado de Escarlatina: carteiras, estoxos, gomas, lapis, bolis, gomas, gomas para o pelo, diarios, petos, mochilas, bolsos, bolsas, pixamas, zapatillas... eu que sei cantas cousas máis pode haber no mercado cando se trata de promocionar unha película desa factoría. Película que pode vir dun libro, como é o caso: a ver se houbese unha mente preclara que convertese a nosa protagonista do alén nun bo filme de animación. E pensei nos escaparates da libraría da miña vila, arestora ateigados das "Gorjuss", coas Escarlatinas monecas -e todos os seus looks-, o "xardín da oca fúnebre", a panda do "Circusmortis", coches e condutores da "Gran Carreira Anual", o álbum de cromos, o libro de receitas... Si, xa sei, teño moita maxinación, pero é ben doado tela tendo na man este álbum e paseando polas súas follas. Un libro atractivo que non me cabe dúbida será agasallo estrela este Nadal, un marabilloso universo que me fixo lembrar as aventuras da súa protagonista, que ofrece xogos e chiscadelas, enigmas e ilustracións magníficas. 
Espero de verdade que este dúo Ledicia-Víctor teña un futuro no que os camiños converxan moitas veces, dáme que a complicidade que aquí se respira debe ser semellante a de Docampo-Cobas, e iso non se pode perder. Máis ben, hai que cultivala como tesouro que é.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.