Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/02/18

Noites de safari

Tiña moitas ganas de ler este libro porque, sinceramente, cáeme moi ben Iolanda Zúñiga, no pouco que puiden coñecela, e gústame sguila no Facebook. E así como agardaba con ansia a súa lectura, procureina no mesmo momento en que necesitaba fuxir da dor polo pasamento da miña nai. E claro, non foi nin fun oportuna. Agora que tento falar do libro quixera ser o máis obxectiva posible e sei que me vai ser difícil, xa que o veo non rachou. Porque non foi o libro axeitado, pensando que o seu humor me ía servir de refuxio, non o logrou.  Pola contra, custoume.
Falo do libro Noites de safari. Manual sobre amantes desorientados, publicado por Xerais, que reza escrito por Marleen MaLone, trasunto da nosa prezada Iolanda, que leva o seu humor ata o mesmo nome, con este "Malone" tan evidente, e que Ramón Nicolás vén de denominar "postura ortónima" (nada que ver coas posturas do Kamasutra das que nos falará o libro).
Unha novela claramente provocativa e transgresora, na que non se impoñen límites á linguaxe e na que se desbota calquera tabú posible sobre a sexualidade, pero que ten impregnada en cada páxina o sarcasmo e a vontade de crítica social. Consegue un catálogo masculino descorazonador que ao final, no Z, devólvenos a esperanza, porque, que queredes que vos diga, a min o de "xogar" nunha libraría paréceme super atraente...
Así que se queredes deixarvos sorprender, este libro vaino facer. Porque rompe. O capítulo da Letra L é demoledor! A autora non deixa títere con cabeza, e iso serve para reflexionar sobre a soidade, a precariedade laboral, o paro, a desesperanza, a parella, o sexo, os sentimentos...
Un libro totalmente diferente e creo que único nas nosas letras, que ben cómpre ir abrindo camiños tan diferentes e tan lonxe do politicamente correcto. Se o abrides, tirade coas gafas e abride os ollos, porque vos sorprenderá.


A segunda vez quedamos nun hostal. A corrección viuse sorprendida pola innovación. Propúxome unha postura do Kamasutra algo imposible. Insistiu en que lle chuchase o tarabelo mentres practicabamos o Anxo da Neve. Volvín pagar eu: hostal e fisioterapeuta

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.