Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/03/18

As peripecias de Extravaganzza Pérez

Unha nova conquista de Ledicia Costas para o lectorado infantoxuvenil: unha moza afouta que ama a natureza e preocúpase pola conservación das especies, desas que están en perigo de extinción pola man do home. Ogallá esta Extravaganzza Pérez sexa quen de conseguir que nenos e nenas ao rematar de coñecela deiten unha ollada preocupada na natureza que nos rodea para tentar coidala e evitar esta destrución masiva que o século XXI está a piques de acadar: sabemos que como non nos poñamos as pilas XA o planeta Terra esmorecerá en breves. Da nosa man.
Ledicia Costas escribiu As peripecias de Extravaganzza Pérez, publicado por Xerais con ilustracións de Óscar Villán, para o Salón do Libro de Pontevedra, que este ano ten como lema "Canta bichería!". Si, Extravaganzza axudaranos a coñecer bechos e especies na súa particular viaxe por diferentes ecosistemas dende o respecto á todos eles porque a natureza é o que nos pide. Un valor engadido, para min particularmente, será que a nena teña unha discapacidade visual, e que será quen de renunciar á súa mellora por amor.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.