Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/03/18

Cara de velocidade

Recibo con absoluta delicia cada ano o Premio de Poesía para nenas e nenos Cidade de Orihuela que publica Kalandraka, porque sempre me encandila cos versos que alí nos agasallan. Este ano non foi menos a alegre sorpresa, senón ao contrario por estar ademais en galego -a súa lingua orixinal-, con este Cara de velocidade de Marga Tojo con ilustracións de María Hergueta. O libro volve a ser unha xoia onde poesía e ilustración mesturanse no sabor doce do verso pronunciado.
E neste verso que conduce, será “H.” a que fale, a que utliza palabras que teñen forza, palabras que non se prestan á submisión. Así será a liberdade o fío condutor deste automóbil supersónico onde a protagonista poida conducir metáforas fantásticas, ilusións cotiás, aventuras do día a día. A súa voz ten a capacide de captarnos e de nos convencer, de vivir canda ela perigosas bifurcacións, camiños sen fin, xestos e chiscadelas que farán que volvamos con gorentosa avaricia á nenez salferida de música e de medos que nos retrotraen á esperanza, a "vivir sobre as cordas". Porque non despreza o verso tampouco, malia ser infantil, a crítica social, a noite azul, a bruma medida, a precariedade nefasta. Si, 
"as mellores mensaxes secretas
escríbense con letra
de sopa"

Dixerimos canda “H.” as frases tristes. E navegamos nas alegres. Antes de naufragarmos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.