Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/04/18

Bonus Track

A poeta Rosalía Fernández Rial chega á narrativa co relato curto -acompañado da música- publicando na editorial Galaxia o libro Bonus Track. Relato curto (22), como dixemos, onde a música é protagonista, como fío que tece, como agulla que cose, letras que ganduxan esperanzas, melodías que permanecen na memoria, estilos variados nunha banda sonora de historias que amosan situacións diferentes. E nelas radica a esperanza. Quizais nesta estea ese voo para ir máis aló, ou a solución a aquel pensamento, ou o sorriso que nos salve. Quizais a salvación estea no baile, o baile sorprendente da vida. O baile da auga dos ríos, o baile das ondas do mar, o baile das estrelas da maxia. 
E nos relatos toparemos de todo, situacións límite que viven homes e mulleres, a violencia de xénero, a homofobia, a precariedade laboral, a crise económica... pero nesas tremendas realidades haberá asemade xiros soprendentes, incribles pasos de baile, que serán quen de reverter as situacións. A música como influencia, transformación, frescura e realidade. Porque a música é poesía, os relatos ateigánse de híbridos poéticos, rurais e urbanos, narrativos e cinéfilos. Unha mestura que é unha explosión de lingua oral e asfáltica.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.