Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/04/18

Cuando sale la reclusa

A verdade, está comezando a me preocupar este crise lectora que me vén de invadir hai xa un tempo. Este libro acabeino hai un par de semanas, e dende entón non collín ningún outo que non fose álbum ilustrado. 


Fred Vargas volve con Cuando sale la reclusa publicado en Siruela. E non defrauda. Non defrauda se o que procuramos é unha novela negra con todos os mecanimos deste xénero, que ela domina. Ela e o seu comisario Adamsberg. Xénero puro mesturado con ironía e ás veces con tenrura, con anécdotas policiais e narración complexa. Un relato que contén saltos temporais porque será a intrahistoria das vítimas a que poida explicar o que está a suceder. E o que ocorre é, aparentemente, nada. Pero o comisario sabe ir máis alá. Por iso pasearemos por algunha páxina de tratado zoolóxico, psicolóxico, lingüístico, histórico e mesmo gastronómico. Todo cómpre para entender. A cultura como base. Asemade, estamos ante un abano de reaccións humanas, porque o ser humano é complexo e así nolo demostra a autora: vinganza, envexa, amor...
Se non lestes nada, non vos recomendo comezar por aquí. Coido que é necesario saber algo destes personaxes que teñen unha longa traxectoria. De non ser así, creo que hai veces que poderiamonos perder. Os secundarios son importantes, tanto que están sempre. Se é que son secundarios; sobre todo non son perfectos, o que resulta marabilloso. O principal é gozar da lectura e dun comisario que nos encanta. Porque semella vivir na brétema. Na interior. Desa que non se sae. Que ás veces deixa ver entre tebras; outras veces é demasiado imbricada.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.