Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/04/18

Feminismo para principiantes

Unha marabilla de libro de Nuria Varela, pedra base para comezar neste mundo, e que agora sae en formato ilustrado para unha lectura máis doada e atraente, tanto que, por suposto, será o próximo libro do noso club de lectura de igualdade de 3º da ESO. Feminismo para principiantes coas ilustracións d Antonia Santolaya está publicado por Ediciones B. Con el, podemos saber o que supuxeron e supoñen as reivindicacións feministas e as mulleres que as fixeron posible e que nos levaron ata onde estamos, explicando mesmo cuestións tan básicas como que é o feminismo ou o que este ofrece á sociedade; é un texto sinxelo e divulgativo, pero é un texto de acollida, de iniciación para logo achegarnos a outros textos. Sobre todo, entender que estamos onde estamos grazas a tres séculos de loita e que moito lle debemos a quen estivo aí detrás e que, cando menos, debemos coñecer. A loita do feminismo contra un patriarcado que semella invencible (e invisible) segue, e libros coma este son imprescindibles. En nós está seguir avanzando. E seguiremos. Porque a nosa loita é imparable.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.