Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/04/18

La dama de Zagreb

Tíñao na casa e aínda non lle tocaba, pero ao saber do pasamento do seu autor decidín lelo para pórme ao día porque xa hai outro libro del publicado. Si, deixounos Philip Kerr, un dos mellores escritores de novela negra actual, para min, con este comisario Berni Gunther situado na Segunda Guerra Mundial. Philip Kerr sitúa La dama de Zagreb, publicado por RBA, xa cara ao final da guerra, no declive do nazismo. Nesta entrega terá que traballar, para a súa desgraza, para o doutor Joseph Goebbels, ministro de Propaganda. Debido a este traballo terá que ir a Iugoslavia. Será nestas páxinas cando comprendamos o horror máis sinistro do que aconteceu despois e do que tivo que ser daquela: Serbia e Croacia nunca foron un país, por máis que as fronteira si o indicaran. Se pensabamos que os nazis foron o peor da nosa historia recente, viaxar ata ese antigo país supón indicarnos que non, que os peronaxes máis crueis vivían en Croacia; descubrimos (?) que en época de guerra a maldade do ser humano non entende de nada nin se couta ante nada. Terrible. Asemade, tamén é importante a realidade que nos amosa sobre Suíza: unha fotografía moi diferente do estereotipo que sabemos, xa que agora comprenderemos que o país helvético tamén tivo que "moverse" axeitadamente para evitar que os invasores alemáns os engulisen.
O mellor do libro é, sen dúbida, a ambientación. Se ante nos gustaba xa por isto, agora encántanos. Coido que é o valor da serie, aínda que este libro gustoume menos cós anteriores como novela negra, pero si como aporte á historia. Sóbranlle unhas cantas páxinas (pero isto está a me pasar con caste todas as novelas longas que leo) e ás veces semella que a historia sexa un pouco desmesurada, pero a ironía do noso protagonista é maxistral. Como o é a súa soidade ante un mundo tan ruín. 
Seguirei léndote, Philip Kerr.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.