A pesar de que o título avisa, a crueldade impacta. Diego Ameixeiras volve. E volve cun título que ben paga a pena: A crueldad de abril, publicado por Xerais, é un libro intenso, de capítulos curtos para dar axilidade e para chegar ao lectorado sen descanso. Porque o bo deste libro é iso: a lectura sen respiro e afogando, coma os personaxes; porque o gran mérito é -coido- a palabra xusta, mesmo poética, sen excesos nin artificios que nos distraian. Un libro que nos trae a mellor escrita do autor.
Situámonos nun mundo marxinal, onde a brutalidade e a inmisericordia son os reis das rúas, da noite, do crepúsculo máis temible. Reconstruímos con saltos temporais un asasinato. Ou non. Veremos. Algo que a sociedade esquece porque non paga a pena, porque a dor só reside no círculo máis íntimo. Mentres, a sociedade non ten de que preocuparse. Porque esta é a tremenda realidade: podemos aterrorizar cunha noticia no telexornal, pero esta desaparece das nosas vidas no momento en que os informativos desexan. Así de efémera é a crueldade. Cando non nos atinxe. Pero cando está ao noso carón, cando é o noso sufrimento, a situación varía. Tanto, que pescudamos a verdade. Como fai o protagonista. E de paso, percorremos vidas case fronteirizas, vidas derrotadas pola droga, polo paro, pola tristura, polo sen sentido de vivir. O escenario non é agradable: as páxinas do libro nolo amosan unha e outra vez. Como querer algún personaxe deste monllo teatral que é a vida? E si, hai amor. Pero hai sobre todo indiferencia, odio, vinganza. E a morte sobrevoa a vida. Non nos afastamos da realidade. Non nos afastamos da miseria moral na que nos desenvolvemos, esa sobre a que pasamos de crequenas porque non interesa. É mellor mirar para outro lado.
Sen comentarios
Publicar un comentario