Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/06/18

A biblioteca de Pedrarcana

Bonita aposta de Carlos Taboada en Xerais pola defensa da cultura e da lectura en contra da opresión e da ignorancia esta que realiza en A biblioteca de Pedrarcana (con ilustracións do propio autor). Pedrarcana non é unha cidade ideal. É un lugar onde a xente non le. Pero iso non é o máis grave. É un lugar onde a xente non fala. Non se divirte. É un lugar triste. É un lugar que está sendo destrozado pola febre construtora de edificios sen alma.
Os libros e as bibliotecas mudarán esta situación.
O libro rezuma vitalidade e diversión, sobre todo un punto imaxinativo esencial en toda lectura para o lectorado máis novo. Encantoume que cada capítulo remate nunha palabra ou expresión que será o título do seguinte capítulo. Asemade, hai aventuras, piratas, procura de tesouros... un batiburrillo de emocións que engaiolan dende o primeiro momento. Hai moito por vivir nas súas páxinas! Todo iso e máis grazas aos libros. Porque este é o trasfondo de todas as situacións. A base da vida é a cultura. Sen esta non hai existencia digna. Por iso, ademais dos tres nen@s protagonistas, está a bibliotecaria e o profesor como eixos fundamentais do cambio, mentres voa por todas as páxinas un libro vermello atento á nosa lectura: abre e péchase en cada par. Canda el, numerosas referencias literarias e cinematográficas que son un punto de aprendizaxe que se coa con agrado, lembrándonos o motivo polo que lemos e gozamos.
Si, unha gozada.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.