Boa iniciativa a que nos presenta Alberto Canal con este O trapecista da malla de rombos publicado por Xerais, a medio camiño entre a novela e o documental -Alberto Canal opta por mesturar ficción e realidade para que o lectorado
entenda o que alí pasou, por iso falo de documental novelado-, que se converte nunha homenaxe á Cidade dos Muchachos e a Benposta. Da man dun neno protagonista que soña con ser trapecista, saberemos da especulación urbanística que rematou con aquel soño colectivo que eu coñecía de oídas na miña nenez, que sempre me fixo soñar e que sempre quixen coñecer. Un soño feito realidade que non perdurou no tempo porque a crueldade do ser humano, o egoísmo deste, non ten límites. E así pódense inventar historias que rematen coa boa sona dunha persoa, pódese especular e seguir adiante sen mirar atrás con vergoña.
Se nun principio coñecemos a realidade de Benposta dende un punto de vista inocente, ese que nos agasalla a ollada do neno protagonista, ao seguir das páxinas chegaremos a sentir unha actitude combativa no neno que perde a inocencia da que nós tamén participamos (iso si, dende o noso sofá lector, que sempre é máis doado que ir a loitar coa forza da nosa palabra). Asemade, o libro conxuga unha homenaxe á nosa historia da Literatura cunha fervenza de referencias políticas da época.
Resulta gozosa a vontade de defender aquilo no que se cre. Ás veces, semella que esa vontade dilúese na nosa sociedade, máis atenta ao mercado e aos valores económicos. O noso neno cre na Xustiza, cre que esta (se é con maiúsculas) saberá diferenciar entre a traizón e a verdade.
Ogallá fose sempre así.
Sen comentarios
Publicar un comentario