Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/07/18

O exército de fume

Estaba eu en plena crise lectora cando chegou Un exército de fume para me salvar. Pásame decote: remato tan cansa o curso que nin ganas de ler teño. Pero aquí está Xerais, publicando a nova novela de Manuel Gago, para lembrame que xa vai mediado xullo e xa son quen de volver á miña afección máis prezada. O exército de fume mantívome atada ao papel, un papel que fun devorando devagariño porque el era quen de me devorar asemade. E é que Gago consegue que dubidemos de que canto lemos fose real ou non, sabendo que estamos ante unha ficción engaiolante.
Hai  personaxes que nos namoran, algúns que semellan non seren principais e que pasan de secundarios a outra categoría, porque brillan con luz propia, como é o caso do canteiro coa súa propia lingua e a súa honestidade. Logo, a acción contudente, os espazos, os heroes anónimos... Luces e sombras nunha Galiza máis chea de sombras que de luces, a Galiza da posguerra que nos trae reminiscencias da fame e da pobreza, pero tamén de heroicidades anónimas que foron agochadas pola historia formal das letras escritas pero que permaneceron nas lendas orais, esas que contan verdades disfrazadas para poder fuxir das olladas que curtan liberdades.
En fin, novela que atrapa e que fai que nos preguntemos moitas cuestións, como ata que punto a presenza dos alemáns na España fascista podía ser determinante, ou como a espionaxe pode ser tan decisiva, e, sobre todo, a férrea resistencia daqueles que seguiron a loitar pola súa propia liberdade.
 


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.