Escribe Andrea Maceiras unha novela altamente recomendable: O que sei do silencio publicada por Xerais. Como achegarse a un tema tan duro como é o acoso, o bullying? Andrea decide facelo dun xeito orixinal: a voz que narra en primeira persoa é a dunha rapaza arrepentida pola súa condición de acosadora pasiva; para explicar todo o que aconteceu e como se sente e se sentiu, abre un blogue; o feito de ter un blogue permítelle introducir outras voces en forma de comentarios, con estes engadirase información á acción e puntos de vista que serven de reflexión; asemade, no blogue hai de cando en vez un conto dun libro que a moza protagonista estivo a ler no seu club de lectura e que está escrito por unha persoa que sufriu tamén ela bullying e que serven de crítica aos roles sociais que se impoñen a homes e mulleres, modelos clásicos de comportamento cuestionados por este medio.
Non é doado tratar un tema así, pero a orixinalidade proposta pola autora permite que nos acheguemos aos personaxes, e mesmo permite que a crueldade propia do tema fira dun xeito menos cruel. Porque Andrea Maceiras ofrécenos remorsos, reflexións, sentimentos, covardía e valentía, unhha mestura de accións propias na adolescencia. Non sei se será moi crible a actitude tan valente da personaxe acosada. Penso no meu alumnado e non sei ata que punto serían quen de ser tan decididas e dar a cara deste xeito que nos propón o libro, aínda que ao final nos informe de que había máis fachada ca outra cousa. Aínda así, resúltame estraño. Penso, si, na cantidade de problemas que xorden por algo así. En como caería calquera adolescente se todo un instituto está en contra.
Dito isto, creo que é un libro necesario e imprescindible que van devorar alumnas e alumnos e que pode servir de ponte de reflexión na aula. Sobre todo o feito de falar de "acoso pasivo" ou "deixar facer" polos motivos que sexan, poden dar moito xogo. Un tema que hai que abordar si ou si. Porque o libro deita desexos de actitudes positivas que temos que procurar que non afoguen e florezan na vida real.
Por certo, a cuberta de Antonio Seijas é realmente fermosa.
Sen comentarios
Publicar un comentario