Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/09/18

Oryx e Crake

A partir de desencontros xenéticos -a post-apocalipse-  constrúe Margaret Atwood este Oryx e Crake que publica Rinoceronte na nosa lingua. Unha historia que deixa preguntas sen resposta para que sexa o lectorado quen cavile ao seu antollo, que chegue ás súas propias conclusións.
Que sucedeu? O mundo está en ruínas, famélico. Que provocou a case desaparición da especie humana? Agora habitan estas ruínas criaturas híbridas. Ata chegar aos últimos capítulos non coñeceremos a verdade, o inicio de todo: a sociedade que nos presenta a autora antes do desastre é unha sociedade que segrega socialmente, que xa sufriu o cambio climático e a manipulación xenética
 é a maior das súas características. A autora profunda na sátira da sociedade a base de flashbacks utilizando unha ficción desacougante que nos convida a reflexionar unha e outra vez en que mundo estamos construíndo.
Porén, sorprendeume realmente que non profundara nas personaxes femininas, mesmo a que lle dá título ao libro, Oryx.
Claro está que o libro é boísimo e que a autora é unha das mellores escritoras da actualidade. Aínda así, dentre deste xénero sigo quedándome con A estrada de Cormac Mccarthy. Quizais porque supuxera un shock daquela.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.