Laetitia Colombani escribe La trenza, publicado por Salamandra, un libro que se le rapidamente e que... está "ben", no sentido de que se deixa ler pero non saborear, porque non acaba de convencer. Si, é interesante, pero resulta algo distante, frío, debería haber máis emotividade e a autora non a consegue. E é unha mágoa.
Tres mulleres, tres continentes, tres vidas. E sobre todo, tres loitas. Tres mulleres que loitan é a historia que nos conta a novela. Ou sexa, o libro parte dunha base que me interesa. De feito, lino case dunha sentada, porque me interesaban as tres vidas que alí se debuxan, interésanme os tres destinos contra os que se levantan cada día e seguen adiante. Sobre todo, a vida dunha delas, a que vive na India, resultoume máis apaixoante. Porén, non acaba de emocionar, de prender. Son tres historias que poderían dar moito de si se se profundase nelas, se tirase o que se agocha no seu interior. Pero isto non sucede. Tres historias duras (algunha máis ca outra) pero non rachan os sentimentos do lectorado. Algo non vai ben, e máis tendo en conta que unha das historias, aínda que sexa unha loita, é bastante máis superficial cás outras dúas. Aínda habendo distancia entre estas dúas.
O nexo de unión destas tres historias aparentemente tan estraño, déixase entrever case ao final, e dálle o título ao libro. Resulta un nexo marabillosamente emotivo, aínda que semelle traído un pouco polos pelos, valla a redundancia, coma se fose apresurado e houbese que rematar porque acababan as ideas. Quedoume algo coxo.
Sen comentarios
Publicar un comentario