Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/11/18

Os esqueletos divertidos

Janet & Allan Ahlberg son artífices deste divertido álbum que nos propón Kalandraka: Os esqueletos divertidos é unha historia chea de óso con tres esqueletos protagonistas (nada terroríficos, por certo) que viven nun soto e que contan unha historia acumulativa e redonda, xa que o final é igual que o comezo. Historia dun paseo nocturno que nos amosan unha serie de gags que provocarán os nosos continuos sorrisos xa que a pesar da súa intención de asustar non o darán conseguido... e é que asustar non é tarefa doada! Así que o que podería ser un álbum medoñento convértese con mestría en todo o contrario, e iso que a priori poderiamos pensar nalgo totalmente diferente: son esqueletos despistados con ganas de xogar.
Asemade, a posta en escena do álbum é tamén un xogo, xa que combina o formato cómic con viñetas e bocadillos e alternan os tamaños das tipografías. Outra cousa a ter en conta é que os diálogos están en maiúscula para facilitar a lectura do prelectorado. A pa.abra máis utilizada é "escuro" porque o autor e a ilustradora seguramente nos propoñen ese xogo de pensar no sinistro contrapoñendo esta idea coa tenrura da ilustración e coa diversión do libro en si.
Debo recoñecer que os meus xuízos feitos a priori ultimamente non dan no cravo! O cal constitúe unha alegría, neste caso cando menos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.