Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/12/18

O Nadal de Ernesto e Celestina

Moito gozo con esta serie de Ernesto e Celestina de Gabriel Vincent! Desta volta Kalandraka tráenos O Nadal de Ernesto e Celestina, moi acaído para estes días nos que estamos, así que un agasallo a ter en conta. 
Desta volta é Celestina a que está emocionada pola chegada do Nadal, aínda que o seu amigo Ernesto non o está tanto, xa que el é sempre a parte racional da parella. Aínda así, ela é quen de o convencer e conseguen con moito maxín e reciclaxe preparar unha festa. Unha festa que sabemos será o preludio de vindeiras celebracións, posto que a felicidade e o amor vén de encher o corazón de todos cantos estaban na casa. E é que a tenrura é quen domina na festa e no libro.
As ilustracións combínanse ocupando tda a páxina ou en viñetas coma en cómics, o que axuda a dar axilidade ao texto, un texto por outra parte expresivo para mandar unha mensaxe sinxela: á felicidade non lle cómpre o material, senón que se atopa no máis sinxelo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.