Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/02/19

A orde do día

Publica Kalandraka A orde do día de Éric Vuillard, interesante lectura sobre a Segunda Guerra Mundial, a economía e a política. Unha obra para ler e pensar, pero tamén para tremer e sabérmonos vendidos.
Quen logrou eu Hitler estivese no poder? Que houbo detrás? Cartos, apoios. Industriais alemáns déronlle grandes cantidades. Logo, políticos pusilánimes e covardes. Entre todos eles forxouse a lenda dunha besta que conseguiu asasinar a millóns de persoas.
Un punto de vista moi chamativo o do narrador, xa que o libro está contado coma se fose unha conferencia; nela sinala culpables con nome e apelidos. Moitos deles seguen vendendo con marcas ben coñecidas na nosa economía actual. E isto fai que o presente e o pasado, xuntos, sexan máis terribles. Porque o poder económico é camaleónico, capaz de adaptarse a calquera ideoloxía por non perder a súa influencia. Cantas veces é a política a dominante e cantas a dominada? Non podemos deixar de lembrar aquilo de "poderoso cabaleiro é don Diñeiro".
Que medo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.