Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/03/19

O último barco

Seguramente, este era un libro moi agardado. Fíxose de rogar Domingo Villar, pero aterrou cun libro de case 800 páxinas. Así que cando chegou a min pensei que ía tardar unha eternidade, en plena época de exames e de actividades varias. Porén, e curiosamente, O último barco publicado por Galaxia, déixase ler de tal xeito que as páxinas corren case sen decatarnos. O curioso é que semella que non pasa nada en case 600 páxinas, e aínda así, non aburre. Eu, acostumada á novela negra moi negra, onde cada capítulo constitúe un novo sobresalto, quedaba abraiada: lía e lía sen cansar e a pesar da pouca negrura das páxinas; e cada 100 pensaba: pero se non pasou ren!!! E quería seguir, porque pagaba a pena a lectura.
 Domingo Villar segue a homenaxear a Vigo e arredores. Describe de vagar os lugares reais -para xa un percorrido literario- e recréase na cidade. Con moito diálogos e capítulos curtos, investigamos canda o protagonista, Caldas, unha desaparición, e facémolo de xeito reflexivo, completando os ocos que o autor nos propón. Paseando Vigo e a súa ría. Realmente é unha novela negra pouco negra, porque é un libro sobre a soidade, sobre o amor, a sobreprotección, pero tamén unha lembranza de respecto cara a aqueles que son diferentes. 
Dá gusto deixarse arrastrar pola literatura.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.