Seguramente Ledicia Costas non pensaba en provocarme insomnio cando escribiu o seu libro, mais abofé que o conseguiu. Porque deitar deiteime (moi tarde), pero o libro estaba sen rematar e seguía a clamar por min dende esas páxinas abandonadas. Así que acudín ao seu chamado. Imposible conciliar o sono coa lectura pola metade. Case mellor digo asemade que imposible concilialo recén rematada.
Esta muller volveuno conseguir: atarme ao sofá con Infamia, publicada por Xerais. Cabe moita infamia nesta Infamia, tanta que provoca unha relectura mental constante. É difícil falar do libro sen contar cousas importantes, e isto é algo que procuro evitar. A lectura vainos roubando humanidade pouco a pouco, arfamos e seguimos. Pero sen parar, porque a deshumanización é moi humana. Porque a realidade do ser humano é ser inhumano. Non hai máis que ollar ao noso arredor. E na escrita atopamos violencia, ultraxe, resentimento, pacto de silencio, abusos sexuais, pedofilia, violencia de xénero, soidade, resentimento, amor. Cabe, aínda así, a poesía. Cabe a música. Cabe o cine. E cabe -mesmo- a igualdade da dor.
Non sei se cabe a esperanza. Si caben as metáforas (sei dunha persoa que ama as baleas e vai gozar con esta lectura metafórica...). Quizais caiba a conciencia. Quizais a reparación (conste que esta que se deixa entrever ao final faime algunhas augas...pero tampouco podo dicilas arestora)
Infamia é a novela que estabamos agardando. Esa que nos ata e nos deixa sen palabras. Esa que nos retruca e nos aflixe. Esa que provoca arcadas e melancolía. Esa que nos deixa tiradxs un domingo sen ánimo para nada máis.
Non sexades infames: lede Infamia.
Para xa, no vestíbulo da Igualdade do IES Laxeiro.
Sen comentarios
Publicar un comentario