Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/09/19

Benzimena

Chamoume poderosamente a atención este cómic na libraría, así que deixei que me atrapase sen saber nada del. E atrapoume, de que xeito! Benzimena é de Nina Bunjevac, publicado por Reservoir Books. Leo que é unha adaptación do mito de Artemisa e Sipretes. Nin idea. Investigación: no mito grego Artemisa converte en muller a Sipretes, un mozo cretense, despois de que tente violala. No noso libro convérteo en Benny, o protagonista da historia, un neno cun problema grave: non sabe controlar os seus impulsos sexuais; a súa vida estará marcada polo escándalo que o reclúe na súa casa ata que topa un traballo no zoo. Un mozo raro que sabe pasar inadvertido... ata que se desata.
A obra é escura, inmensamente escura -tanto que hai páxinas completamente negras-, como o tema. Os debuxos, sobreexpresivos, resultan perturbadores -tamén en branco e negro-. Ás veces non sabemos se lemos en clave onírico ou críptico, pero nos sobrecolle o seu contido sexual que pretende xogar connosco adentrándonos na psique dun obseso sexual e que nos deixa sen alento ao final. Cando falo do final falo da nota da autora que fai que entendamos todo o libro e que saibamos o que non queriamos, no fondo, entender. Por desgraza, resulta tan duro que pechamos o libro e tentamos esquecelo. Tentamos pensar que o ser humano non pode ser así, que é un mito, unha fantasía, literatura ao fin e ao cabo.
Pero non poderemos durmir.
Porque as ambigüidades, as emocións, a turbación... é enorme.
"Este libro está dedicado a todas las víctimas olvidadas y sin nombre de la violencia sexual". "Que encontréis la paz, que encontráis la luz y hagáis disipar la oscuridad que os rodea".





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.