Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/09/19

O colar de bágoas

Foi abrir o paquete que a editorial Kalandraka ten a xenerosidade de me mandar e exclamar un "ohhhh" enorme que semellou devolverme aquela ledicia que crin murcha de amor polos libros, do seu arrecendo e, sobre todo, da súa lectura; desencadeouse a paixón da ollada e de follear, sen ler, un extraordinario álbum ilustrado; foi permitir que as súas páxinas me dominasen sen a lectura, posterior, e me transmitisen aquilo que só uns poucos libros posúen a capacidade extra de agasallar. A portada e o título conquistáronme; as páxinas foron quen de me dominar; a lectura foi capaz de facerme sorrir e de -como non- chorar. Que fermosura teño entre as mans! Sei que aínda non estou curada de todo, pero ter este libro ao meu carón, mirando de cando en vez para el, rexorde a necesidade de volver a entrar no "cuarto dos libros" para acariñar os seus lombos e saber que seguen a conservar a miña amizade. Saber que volverei a ler e a gozar.
Grazas. De corazón. Por este agasallo.
Un agasallo que non é outro ca O colar de bágoas. Maxinades cantos colares puiden elaborar nestes últimos meses? Pero este colar de bágoas tan especial é moito máis xeneroso có meu, porque está construído con miles de bágoas indefensas que atrocidades, mentiras e insolidariedades foron edificando no noso mundo. Pero é tamén tan xeneroso que permite que quedemos coas bágoas da ledicia, esa que tanto necesitamos e pola que compensa verter miles de gotas mesturadas de sorrisos. A felicidade das pequenas cousas que nos rodean e que ás veces esquecemos ata que un acontecemento nos fai deter na nosa apurada vida para saborealas e darlles valor. Este álbum ilustrado posúe forza, riqueza, fermosura, pensamento. Franca Perini e Anna Pedron son artífices dun soño real, dunha chamada de atención, dunha obriga moral e ética a sentar neste mundo e cavilar no que realmente é necesario. Cadaquén de nós pode construír o seu propio colar: pero que non sexa egoísta e único, senón solidario e infinito.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.