Poemas de mar e vida de Nono Granero con ilustracións de Carmen F. Agudo que publica Kalandraka. Imos de visita por un acuario da man da poesía, así que falemos en verso con aqueles que alí viven, sabendo que a nosa conversa estará chea de respecto, de ritmo, de rima, de humor. A visita é tan completa que mesmo nos dan consellos para realizala como é debido, porque non todo está permitido, xa que debemos lembrar que imos conversar con seres vivos, aínda que algúns sexan perigosos e outros sexan tímidos. Unha gran variedade de fauna marítima contemplará as nosas páxinas, xa que a biodiversidade é riqueza, e a poesía é plenitude. Xuntando ambas conseguimos un libro salgado e delicioso que incide na idea de como o plástico está acabando cos mares e que se non aprendemos a nos comportar doutro xeito acabaremos con esta riqueza que nos contempla asaolagada de tristura porque o ser humano non sabe convivir.
Mergullémonos para coñecelos nadando con versos cristalinos.
Sen comentarios
Publicar un comentario