De onde sacamos o tempo? E as ideas? Que facemos? Xa levamos tantos!!!
Estas foron algunhas das frases que intercambiamos Anxo e mais eu este xoves. Ambos sentiamos a necesidade de realizar un vídeo que é para nós un compromiso social, tanto para o noso traballo como para este acubillo que moitas veces abandoamos pero ao que volvemos. É a nosa casa común, a de ambos. Aínda que a vida nos leve por camiños paralelos que pretenden non cruzarse, nós cambiamos as liñas, porque hai moitas palabras que nos unen; palabras que ao fin e ao cabo falan de Amizade con maiúsculas, argumentadas en sentimentos comúns: amantes da nosa profesión e crentes en que o noso gran de area pode algún día futuro formar unha praia; sementamos porque vemos medrar as plantas ao noso arredor. Sementamos a nosa propia esperanza. El faino con números. Eu con palabras. Ambos con ledicia. Ambos con amor.
Este último ano foi especialmente doloroso para min. E estes últimos meses estresantes para el. Pero mirámonos sen mirarnos, e soubemos que o vídeo tiña que existir. El di que é cutre. Eu, que é un milagre. Ambos que agora máis ca nunca necesario: Non podemos calar ante partidos que negan a existencia da violencia de xénero. Que temen ao feminismo. Que queren que as mulleres volvamos a ser as escravas da familia.
Así que aquí está, un ano máis, a nosa humilde aportación á loita contra esta lacra social. Un ano máis berramos conxuntamente que debe acabarse a violencia machista e un ano máis berramos que o noso labor é coeducar.
Sen comentarios
Publicar un comentario