Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/19

De altura

Onte foi un deses días temibles. Dende o comezo de curso estaba na miña mente, dolorosamente presente. Porque este curso non era coma os demais. Un curso no que cada día había unha bágoa por unha lembranza, unha ollada discreta a unha porta que se respira diferente, un paso silencioso por quen xa non está.
Dende que comecei os meus pasos polo ensino, esta profesión que adoro, teño organizado moitos, moitos actos, moitas actividades. Teño pasado moitas noites sen durmir. Moitos nervios e estrés. Pero organizar unha homenaxe a un amigo e compañeiro, que tanto me axudou (iso sabémolo ti eu mais eu) e por quen sinto un amor inconmensurable, resultou ser moito máis complicado e doloroso. Non sei nin explicarvos canto. Todo tiña que saír perfecto. Perfecto? Como unha homenaxe de dor pode saír perfecta? Como explicarlle á familia, a Luísa, a Lucía, a Pachí, a Marta, a Sofía, a Julio... que nós tamén sentimos esa perda infinita, esa tristura sen límites??? Como atopar o ton axeitado? Como saber que o correcto é o correcto?
Foi difícil. Pero... sabedes? Que sorte pertencer a esta comunidade educativa. Que sorte saberse acompañada por unhas persoas que tamén elas queren dalo todo. Nunca houbo tantos músicos no escenario. Nunca houbo tantas actuacións. Nunca houbo tantas plantas. Nunca tantas mans. Compañeirismo cóbado con cóbado. Non houbo soidade en ningún momento. Porque a organización veu dende todas as direccións e, a pesar das miñas dores de cabeza e das miñas noites sen durmir, cada día chegaba ao centro para recibir unha aperta de ánimo.
Luís, estarías tan orgulloso do Laxeiro! Onte vía o teu sorriso pícaro dende o fondo do salón de actos, coma sempre que fixemos un "acto destes grandes que ti organizas", para tranquilizarme, sabendo que todo saía como se agardaba. Porque, que luxo de alumnado temos. E canto lles soubeches dar!



Sigo agardando a que aparezas pola porta da biblioteca para meterte comigo e queixarte que somos uns pringados por estar abaixo... Paréceme verte na rúa, esperándome para axudarme co morico de libros que tanto pesan, e logo a mediodía para volver á casa. Esa nosa beirarrúa segue a me doer e crúzoa, porque é moito máis longa cando a camiño sen ti.  





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.