Unha das grandes vítimas da miña inapetencia lectora destes últimos meses é -curiosamente- o álbum ilustrado (xunto coa poesía). Por iso A fita azul permaneceu agochada no recuncho literario das "agardas" ata arestora, que foi collido por un impulso que non souben explicar. A verdade é que non tiña nin idea de que ía nin tiña máis información que a dada por unha persoa a quen quero e que tivo a ben mandarme o libro. Supoño que lle debo pedir desculpas por non lle facer caso, pero sei que, na distancia, me comprende.
Debo recoñecer que a lectura d ' A fita azul de Mon G. Buhigas, con ilustracións de Ana G. Buhigas, publicado pola editorial Galaxia, sorprendeume. Porque non é un álbum ilustrado máis, senón que é un álbum poético homenaxe á miña profesión, porque ser profesora é tentar tecer un futuro mellor. E a sorpresa non veu soamente pola lectura do texto, senón porque as ilustracións pretendían levarme por un camiño ben diferente. Cando menos iso pensaba eu. Estamos ante un álbum dirixido a un lectorado adulto e non infantil, de aí tamén en parte a sorpresa.
O fío condutor é un fita que nos leva da man de páxina en páxina. Nestas toparemos tecedorxs de soños que confían e aman a poesía, a múscia, a ecoloxía, a solidariedade, o teatro... e todo aquilo que o ser humano posúe por ser humano e que a fita sabe que terá futuro grazas aos mestres e mestras que constrúen memoria facendo futuro. Un futuro mellor porque niso é o que confiamos quen damos aulas.
Sen comentarios
Publicar un comentario