Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/12/19

Carrusel

Como describir a lectura deste libro de Berta Dávila? Carrusel, Premio García Barros 2019, publicado por Galaxia, deixoume antes ca nada e sobre todo  certo desacougo e dándolle voltas ao lido pola proximidade da enfermidade, pero tamén pola propia escrita, demorada, que volve ao pasado e se recrea nos pensamentos e sentimentos. E é que si, estamos ante unha novela curta, pero tremedamente intensa. Un libro que se recrea no misterio e beleza das matemáticas e na defensa da nosa lingua, no que a protagonista declárase neuroticamente escritora, unha escrita, por certo, marcadamente poética, sabedora que aquela -a escrita- é quen de construír beleza a través do seu propio mecanismo: o uso da palabra. 
A carón desta, da palabra, a cicatriz da enfermidade, a impronta que esta deixa para mirar o mundo doutro xeito, sabedora que pode impedir asemade atopar as palabras exactas e interferir no amor desmedido e eterno a unha familia que comparte algo máis ca os xens. De aí a crise literaria e a crise persoal. A crise da vida. A ollada miope da sociedade que non distingue aquilo que existe pero que non se ve porque hai doenzas que non teñen presenza física pero si mental. Doenza que non se entende e que afasta a vida cotiá sen querelo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.