Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/12/19

Parece unha formiga

Quedou aparcado, como tantos outros libros, no recuncho que cada vez asusta máis polo tamaño que adquire, de "libros pendentes de lectura". Abofé que esta crise dura de máis e que xa non sei nin por onde comezar. Asemade, unha mágoa tardar tanto en chegar a libros coma este, un libro inclasificable e intraducible polo singular e pola esencia. Parece unha formiga de Pablo Otero inuaugura unha nova colección literaria no seo de Faktoría K de Libros, selo que, seguro, daranos moitas alegrías e misteriosos sorrisos de complicidade lectora. 
Estamos ante un libro tan orixinal que nos pasea por mundos paralelos sen decatarnos: o real e o onírico van da man nos seus versos, versos que se forman dende unha mancha que pode ser unha pegada ou unha sombra, ou tal vez unha formiga. Quizais, porque os poemas están cheos de interrogacións retóricas que a voz poética deita ao lectorado a ver se este é quen de contestar. Porque, quen sabe que foi antes, a orde ou a desorde? Pensamentos que pensan e sucesos que acontecen e non deixan de suceder ata que se tornan silencios. Metáforas e comparacións para chegar ao mundo fantástico e logo baixar á realidade das imaxes ou á sinceridade sen ambaxes.
Coma todo libro de poemas, para ler paseniño, saboreando versos, pousándoos e volvendo a eles de cando en vez, para descubrir unha palabra que adquire novos significados.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.