María Hesse consegue en El placer publicado por Lumen un libro redondo, case mellor podería dicir un libro orgásmico, polo pracer que consegue cando o lemos e contemplamos. Ademais da lectura, é un deses libros que eu denomino "libro ventá" porque nos abre camiño a outros libros. Asemade, bota unha ollada a mulleres que poboan a nosa historia, dende Lilith, a primeira muller que abandoou Adán segundo a tradición xudía: a poeta grega Safo de Lesbos; Colette, a escritora de principios do século XX que falou da bisexualidade; Anaïs Nin ou Simone de Beauvoir... Mergullámonos na cuestión do pracer feminino nomeando o silenciando mediante palabras e ilustracións.
De xeito autobiográfico, a autora conta como foi o seu camiño cara ao espertar sexual, un camiño sementado de culpa e de vergoña (imposible non identificarnos as mulleres de certa idade) e que se pode percorrer porque somos curiosas e queremos explorar e descubrir tantos misterios que se nos presentan. Por iso a liberdade sexual é tan importante, porque nos deixa rexeitar o que non nos gusta, permite decidir se SI ou NON, e sobre todo chama a atención de que esta liberdade sexual non se acolle na educación nin na familia, deixando que sexa o porno, de fácil acceso, que nos "maleduque". O libro tamén denuncia problemáticas asociadas á tradición como a mutilación xenital feminina.
Sen comentarios
Publicar un comentario