Non sei como o consegue, pero Rosa Aneiros non defrauda. De verdade, que agora que ando a me recuperar moi lentamente da miña crise lectora e que busco con coidado os libros a ler para non volver atrás, este foi unha gozada. Unha mañá de domingo ben aproveitada porque o libro lese nunha carreiriña de can, pero o mellor é que non tes ganas de parar. Así que xenial! Tres bichicomas, dúas illas e unha serea, publicado por Xerais e ilustrado por Abi Castillo, recibiu o Premio Agustín Fernández Paz da narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade 2018. Abofé que foi un premio ben merecido! A vizosa imaxinación da autora aliada coa súa inestimable sensibilidade xúntanse para crear unha lectura que de non trunfar entre a rapazallada sería como para non crer nunca máis na humanidade. Porque de todo hai: aventura, amor, amizade, compañeirismo, solidariedade, compaixón... Unha nena que descobre que non todo é o que parece e un avó que ama dende o silencio, uns lazos de unión que son irrefutables, a engranaxe dunha aldea, a sedución do rural... Anímovos a que compartades e leades este libro que cara ao final vos convidará a algunha bágoa mentres que o sorriso do principio aínda está a relucir.
Grazas, Rosa, por este cacho de tempo na túa illa de amor.
Sen comentarios
Publicar un comentario