Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/03/20

Mis últimos 10 minutos y 38 segundos en este extraño mundo

Encantoume. Se de algo está servindo esta praga que estamos a vivir, é para reencontrarme coa lectura. Sobre todo grazas a libros coma este. Compreino para a biblioteca coma un impulso, sen saber nada del, e foi dos mellores acertos. Nin sequera sabía que ía formar parte do vestíbulo da igualdade! E ao lelo, irá para alí nun lugar de honor. Mis últimos 10 minutos y 38 segundos en este extraño mundo é de Elif Shafak e está publicado pola editorial Lumen. É unha novela dura e sensible, por momentos sobrecolledora, por momentos tenra, por outros conmovedora... ou quizais todos estes momentos teñamos que xuntalos e sentir todo a un tempo, porque eses minutos e segundos que na novela asegura que os humanos seguimos pensando aínda despois de mortos, son un percorrido vital... e que percorrido tan tremendo! Paseando por un Estambul non soñado, un Estambul duro, unha cidade feroz que dá voz arestora ás persoas máis maltratadas, ás apestadas, ás que senten máis dor. E as páxinas transforman en dor en beleza: a beleza da literatura. E esta beleza tamén deixa pegadas críticas, tan tremendas á situación da muller islámica que nos deixa sen alento. Porque esta muller non ten acceso á liberdade, nin sequera á liberdade máis simple e esencial, a máis cativa. Que necesidade de dar voz a estas mulleres!
Deixádevos seducir por esta autora, deixádevos conducir polas súas páxinas, deixade que vos debuxe a cidade de Estambul, coa súa corrupción e deshumanización, pero sobre todo deixade que as personaxes protagonistas entren nas vosas vidas, facédelle un oco onde non tiveron antes lugar. Deixade que o amor, a inxustiza, a dor, a pobreza, pero sobre todo o dereito á dignidade do ser humano entre nas vosas vidas.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.