Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/03/20

Palimpsesto

Un cómic que non deixa indiferente, así é este Palimpsesto de Lisa Wool-Rim Sjöblom que publica Barbara Fiore. O título dános unha pista importante: un Palimpsesto é un manuscrito antigo que conserva pegadas dunha escritura anterior borrada artificialmente; así é a historia de nenos e nenas adoptadxs,  realidades que non coinciden coas historias que sempre lles contaron.
A autora sorprende cos tons empregados para realizar o libro, ademais do propio texto, ás veces excesivo para un cómic, para contarnos a súa propia historia, unha historia baseada nunha mentira, xa que descobre que non foi adoptada por ser orfa, senón que outra é a realidade. De aí que o libro conte a investigación chea de dor que a autora e protagonista vive para entender a súa propia historia emocional. Algo que converte a lectura en desgarradora polas políticas corruptas que se agochan detrás das adopcións internacionais que xogan coa vida dxs máis desfavorecidxs.
E mentres nos mergullamos na súa lectura, pensamos en tantas persoas achegadas que queremos e poderían vivir estas mesmas emocións e sentimentos encontrados.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.